O escritor Mario Caneiro, protagonista este venres dunha nova entrega do programa “Son de Aquí e Escribo”
A cita co autor terá lugar a partir das 20,30 horas na Biblioteca Municipal
Valdoviño, 12 de maio de 2022. O escritor Mario Caneiro protagonizará unha nova entrega do programa cultural «Son de Aquí e Escribo». A cita co autor será este venres a partir das 20,30 h na Biblioteca Municipal de Valdoviño. Natural de Narón pero moi vencellado ao municipio, e especialmente a Vilarrube, compartirá co público a súa obra, merecedora de varios premios e distincións, así como algunhas claves do proceso creativo que segue. Presentará o acto Antonio Cebreiro, director do CPI Atios, e na súa intervención, Mario Caneiro tamén estará acompañado da música de «The Duellist», o dúo integrado por Sara Ember, violín, e Samuel A. Antón, guitarra. A entrada é libre ata completar aforo.
O seu apego por Vilarrube, a terra da súa nai, síntese nas páxinas dunha das súas últimas obras, o libro de contos ilustrados «A Nena», no que está moi presente a parroquia. Un volume que repasará este venres xunto a outros como «Homiños», traducido ao castelán como «Nunca quise ser niño». Unha escrita que ten sido recoñecida con diversas distincións como o segundo premio no IV e VII Certame de Narrativa do Concello de Ames, o Premio do III Certame Rosa de Cen Follas ou a mención honorífica no III Certame Ágora de conto.