O escritor Antonio Yáñez comenta co alumnado do CPI Atios o seu libro “A complicada vida de Bieito Viqueira” no Foro Literario Escolar

O encontro tivo lugar esta mañá na Biblioteca Municipal de Valdoviño

Valdoviño, 13 de febreiro do 2023. Nenos e nenas de 5º A e B de Primaria do CPI Atios, xunto á súa profe Carme Barro, participaron esta mañá na Biblioteca de Valdoviño nunha segunda sesión do Foro Galego Literario Escolar, no que tiveron a oportunidade de comentar co escritor Antonio Yáñez Casal a súa obra, «A complicada vida de Bieito Viqueira». Xunto a eles, estivo tamén o profesor, investigador e escritor Antón Cortizas, encargado de guiar este programa que promove o Concello de Valdoviño. 

Foi unha charla co autor con interrupcións, tal e como pedira Antonio Yáñez ao comezar a actividade, e os/as estudantes non dubidaron e plantear as súas preguntas no transcurso do coloquio. O escritor falou da obra, das esceas, personaxes, valores e intencións que guiaron a súa escrita. Unha escritura sen guion, que nace dunha idea básica e continúa sendo unha aventura, na que os personaxes levan a historia dun lado para outro.

O programa continuará este xoves, coa presentación dunha publicación para o alumnado de 6º curso de Primaria. Unha primeira xornada que terá continuidade co coloquio co autor, como fixo o alumnado de 5º, unha vez completen a lectura da obra.