O escritor Antón Cortizas volverá poñerse ao fronte do Foro Galego Literario de Valdoviño
O Concello abre inscricións no proxecto, dirixido a veciños e veciñas de 16 anos en adiante, con encontros bimensuais e participación de balde
Valdoviño, 1 de outubro do 2024. Un ano máis, o profesor e escritor Antón Cortizas será o encargado de guiar as sesións do Foro Galego Literario do Concello de Valdoviño neste curso 2024-2025. Os encontros celebraranse na Biblioteca Municipal cada dous meses, os mércores en horario de tarde, e o departamento municipal de Cultura abre inscricións para sumarse á iniciativa, dirixida a veciños e veciñas de 16 anos en adiante. A participación é de balde, e a intención é arrincar o programa neste mes de outubro.
Seguindo a estela de edicións pasadas, o Foro Galego Literario volverá convidar aos autores e autoras que protagonicen as sesións, de modo que as persoas participantes poderán intercambiar impresións cos propios escritores. Durante o pasado curso, participaron do programa, entre outros, Emma Pedreira, Sica Romero, Paula Carballeira, Xurxo Souto ou Rosa Aneiros.
As inscricións, ata o 10 de outubro, poden formalizarse na casa da cultura, de luns a venres de 10 a 14 horas, ou online, a través da sede electrónica da web municipal.