O equipo de Canarias álzase coa vitoria na competición por Comunidades Autónomas do Campionato de España de Surfing 2022

Na praia da Frouxeira chega o momento dos “juniors”

Valdoviño, 24 de agosto de 2022. Os “juniors” toman protagonismo dende hoxe no Campionato de España de Surfing 2022, que se disputa na praia de Valdoviño, despois de que na xornada deste martes se completasen as finais da competición por equipos de Comunidades Autónomas, que se resolveu co triunfo da selección canaria.

A de onte foi unha xornada de intensa actividade na praia dentro e fóra da auga pola consecución do título por equipos autonómicos. Unha categoría que engloba diferentes modalidades (surf, bodyboard, kneeboard, longboard, SUP Ondas e SUP Race) e na que competían deportistas procedentes de Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Cataluña, Murcia e, por suposto, de Galicia. En total disputáronse nada menos que 19 finais.

Foi unha xornada animada e chea de cor, na que as sete delegacións participantes non pararon de animar aos seus deportistas. E tras a suma dos puntos en xogo, o equipo de Canarias facíase co preciado título de Campión de España 2022. Completaron o podio de honra, os conxuntos de Cantabria e Galicia (segundo e terceiro respectivamente).

A competición non para na praia da Frouxeira, convertida ata o próximo 4 de setembro na capital do surf do país, onde agora chega a quenda para as categorías Sub16, Sub18 e Sub21 na modalidade de surf. As mangas e as puntuacións en vivo do Campionato de España de Surf 2022 pódense consultar na web www.cesurf.es