O DJ galego Michenlo lidera o cartel da primeira edición do festival de música electrónica Meirasland
O Concello de Valdoviño apoia a celebración do novo certame, que terá lugar este sábado
Valdoviño, 21 de agosto do 2024. A oferta cultural de Valdoviño medra e diversifícase coa celebración esta fin de semana da primeira edición do Meirasland. Un festival, impulsado por particulares, que xorde coa ambición de converter ao municipio tamén en capital da música electrónica. O cabeza de cartel será o Dj galego Michenlo.
A contorna do campo da festa do Porto, en Meirás, acolle este sábado, de 18 horas a 4 da mañá, a estrea deste certame, promovido polo consultor Omar García e por Iván Freire, propietario do taller PF Ladeira. Unha cita musical que conta ademais co apoio do Concello de Valdoviño.
Serán un total dez horas continuadas de música electrónica e urbana, nas que se encadearán preto dunha decena de actuacións na disco móbil máis grande de España, segundo avanzan.
O cartel, ademais de a Michael Chenlo (Michenlo), que trunfou en festivais de referencia no país deste estilo musical, incluirá outros nomes da escena galega como Groove Amigos, Señora DJ, Maqui, DJ Enter, Ángel Vázquez, Carlos González e Sebas Rdgz.
Apuntan dende a organización que as entradas poden conseguirse na web do festival e en distintos puntos de venta, e poderán tamén mercarse na taquilla o día do certame. Para facilitar a asistencia, haberá buses dende Valdoviño, Ferrol e Narón.
O Concello de Valdoviño subliña o esforzo dos dous mozos promotores do festival, e dá a benvida a unha proposta, que amplía a oferta de lecer da localidade, buscando conectar cos máis novos. O certame supón ademais un incentivo extra para achegarse a Meirás e desfrutar da súa contorna e da súa hostalería.