O Día da Bicicleta celebrarase este domingo
A marcha partirá ás 11:30 horas do campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, en Vilaboa, para iniciar un percorrido de 11 km bordeando o encoro
Valdoviño, 14 de outubro do 2024. Valdoviño celebrará este domingo, 20 de outubro, o Día da Bicicleta, cun percorrido de 11 quilómetros co encoro das Forcadas como protagonista. A marcha, que organiza o Concello de Valdoviño e promoven La Voz de Galicia e RadioVoz, retómase así despois que tivese que aprazarse a primeiros de mes por mor das adversas previsións meteorolóxicas na primeira data prevista (o 6 de outubro). En todo caso, as persoas que formalizasen a súa inscrición tanto na delegación de La Voz de Galicia en Ferrol como na casa consistorial de Valdoviño non terán que repetir o trámite se desexan participar. Tan só, o mesmo día da cita, deberán reconfirmar no posto informativo que se desplegará a partir das 10:30 h no campo de fútbol Juan Sabín-O Lameiro, en Vilaboa. Alí, e dende esa hora, tamén se recepcionarán novas inscricións. E dende hoxe, reábrense tanto na delegación en Ferrol de La Voz de Galicia (r/ Manuel de Cal, 4) como na casa consistorial (ata o venres, de 9 a 14 horas).
Precisamente, as instalacións deportivas de Vilaboa serán o lugar de concentración dos e das participantes, xa ás 11:00 h, e tamén o de saída, media hora despois. O percorrido, de dificultade baixa, bordeará o encoro entre as parroquias de Loira e Vilaboa, e está especialmente deseñado para desfrutar en familia.
A iniciativa conta coa colaboración de firmas e entidades como Eroski, Cándido Hermida, Proymel e a Cooperativa de Vilaboa, ademais doutros negocios que apoian a xornada coa cesión de agasallos para o sorteo que se realizará a posteriori entre as persoas participantes. Neste caso, as cooperativas de Lago e de Meirás, Librería Xeila, Electrodomésticos Nito, Talleres PF Ladeira, Cabaliño do Lago, Paintball A Lagoa, Restaurante A Saíña, Pide&Pika, Abanca, Gairesa, Aluminios Lago, Aislamientos Valdoviño e Bisucrame (de Narón).
Ademais, Protección Civil e Policía Local participarán no dispositivo de seguridade que se activará ao longo do percorrido.