O cuarteto Lulavai trae este venres a Valdoviño a fusión das súas arpas e voces

O concerto terá lugar na igrexa de Lago, a partir das 20,30 h

Valdoviño, 9 de novembro de 2021. O cuarteto Lulavai, onde o protagonismo das arpas celtas e o son doce das súas voces dan vida a un estilo propio e único, actuará este venres en Valdoviño. Ofrecerán un concerto moi especial de arpas nun escenario tamén singular, a igrexa de Santiago Apóstol de Lago, a partir das 20,30 horas. O recital, dirixido a todos os públicos, conta co apoio da Deputación a través da rede cultural. 

Lulavai son Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz. Coñécense en 2005 cando realizaban os seus estudos de arpa, á vez que formaban parte da orquestra Folc, Sondeseu, baixo a dirección do arpista e ex-compoñente de Milladoiro, Rodrigo Romaní. 

Lulavai interpretará unha serie de temas con orixe na música tradicional galega, incorporando outros de caracter máis persoal, con inspiración noutras músicas do mundo, e noutros estilos musicais. Composicións propias e delicados arranxos para os instrumentos principais que son as arpas e as voces, e combinando outros instrumentos de percusión tradicional que aportan a variedade tímbrica e crean o orixinal son de Lulavai.