O CPI Atios sae á rúa para dar a coñecer ao alumnado de Primaria os servizos públicos do seu municipio e do seu territorio

Trátase dun programa clásico na programación do centro que esta mesma semana levou aos nenos e nenas á oficina de Correos, Biblioteca e Museo

O CPI Atios sae á rúa para dar a coñecer ao seu alumnado máis novo os servizos públicos do seu Concello e o seu territorio. Unha iniciativa que o centro impulsa dende hai xa unha década, e na que os pequenos e pequenas atopan a mellor das aprendizaxes. Esta semana tocou a oficina de Correos, e alí puidemos ver ao alumnado de 2º curso de Educación Primaria, coas súas postais en man para selar e entregar. 

Na mesma xornada, aproveitaron a saída para visitar a Biblioteca Municipal e achegarse ao seu catálogo de fondos, reivindicando o hábito da lectura dende a infancia e animando aos pequenos a repetir a visita fóra do horario escolar. E, baixando un piso, os nenos e nenas achegábanse á historia do surf no Océano Surf Museo.

O programa arrancaba este ano en febreiro, con excursións a todas as parroquias e paradas en espazos singulares como a igrexa de Sequeiro, a praia dos Botes, a capela do Porto e o Faro de Punta Frouxeira, o encoro das Forcadas, a capela da Fame, o pazo e a igrexa de Vilarrube, a ponte de Porto do Cabo ou a Casa da Bastona. 

Tamén é habitual a súa visita á casa consistorial, aínda que este ano a cousa variará algo e, no marco dos protocolos de prevención fronte á covid-19, decidiron trasladar as súas preguntas e dúbidas sobre o funcionamento da administración local a través dun vídeo que xa obra en mans do alcalde, Alberto González, e ao que este dará cumprida resposta.