O CPI Atios inicia a peregrinaxe a San Andrés
O alumnado de 5º e 6º de Primaria completa a primeira etapa entre o Mosteiro do Couto e o Pazo Libunca, nun proxecto que fomenta coñecemento e hábitos saudables contra o sedentarismo
Valdoviño, 15 de novembro de 2021. O CPI Atios inicia o Camiño a San Andrés. Alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria, acompañados dos seus profesores, completaban esta mañá a segunda ruta de peregrinación por excelencia en Galicia. Chegaban en autocar ben cediño a Narón e, dende o Mosteiro de San Martiño de Xuvia, partían cara o Muíño das Aceñas para continuar dende este punto ata o fin desta primeira etapa: o Pazo Libunca. Un percorrido emocionante e saudable e, sobre todo, didáctico. O primeiro pola saída das aulas, o segundo porque o proxecto busca combater o sedentarismo a través da práctica deportiva, e o terceiro porque a iniciativa forma parte do programa educativo do centro.
Os profes de 5º están a elaborar unha unidade didáctica sobre o camiño vello que parte de Narón, une con Valdoviño e chega a San Andrés de Teixido, en Cedeira. O obxectivo é, a grandes rasgos, que os nenos e nenas aprendan lingua, lengua, mates, tecnoloxía, educación física… a través da ruta de peregrinaxe. Un proxecto que terá continuidade, e quen sabe, quizais outros centros o adopten a partir da citada unidade didáctica.
É o segundo ano que o centro promove esta particular peregrinación, despois do éxito colleitado o pasado curso. E, agora, o horizonte amplíase, xa que máis aló de realizar a ruta e coñecer máis sobre as súas orixes e historia, tamén serve como ferramenta para favorecer unha aprendizaxe divertida e próxima nas propias aulas.