O CPI Atios de Valdoviño é un dos dez centros educativos da provincia que acollen este ano o taller sobre aves rapaces nocturnas

Nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria participarán entre hoxe e mañá na actividade que promove a Deputación provincial da Coruña

Valdoviño, 24 de novembro do 2025. A deputada provincial de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosana García, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, xunto ao concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, achegábanse esta mañá ata o CPI Atios para, en compañía da directora, Tania Ruanova, saudar aos nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria que participan no taller medio ambiental sobre aves rapaces nocturnas. Un proxecto que impulsa este ano a Deputación da Coruña en dez centros educativos da provincia para fomentar o coñecemento e a conservación da biodiversidade dende a base, segundo explicaba a deputada provincial. Para iso, haberá parte teórica e práctica, guiada pola Asociación Alados Medioambiente.

O obradoiro celebrarase tamén este martes, pero dirixido aos nenos e nenas de 3º de Primaria. Así, aprenderán a identificar o grupo de aves rapaces nocturnas presentes en Galicia, como bufos, mouchos e curuxas, ademais dos perigos que afrontan e o papel que xogan no medio ambiente para manter o equilibrio dos ecosistemas. Deste xeito, o coñecemento convértese nunha ferramenta clave para formar cidadáns responsables e comprometidos co futuro do planeta.