O CPI Atios convirte os plátanos de Canarias en fondos solidarios para A Palma

A recadación da venta desta froita na cafetería do centro o luns, martes e mércores, destinarase a unha conta aberta polo Cabildo

Valdoviño, 29 de setembro de 2021. Coa vista posta na illa da Palma, Valdoviño volve a amosar a súa cara máis solidaria. A cafetería do CPI Atios, en colaboración coa comunidade educativa, activará a vindeira semana a iniciativa «Plátanos solidarios» coa que axudar aos homes e mulleres que o perderon todo coas erupcións volcánicas na illa bonita. Así, o luns, martes e mércores, os rapaces e rapazas que merquen no centro un plátano de Canarias para a súa merenda estarán implicándose activamente na marea solidaria coa illa. Eses días, o prezo será dun euro, e a recadación das ventas destinarase a unha conta aberta polo Cabildo.

Detrás da iniciativa están Mariel e Javier, ao fronte da cafetería. Querían «facer algo, axudar de algunha maneira», e ocorréuselles converter un acto rutinario dos nenos e nenas, como é mercar a merenda na cafetería, nunha acción solidaria. Con ela recadaranse fondos, pero tamén, e o que é igualmente importante para eles, «os máis pequenos, que a veces non entenden o que está a pasar coas simples imaxes da televisión, faranse preguntas e procurarán respostas». E todo isto a través dunha merenda saudable. 

A resposta do centro non puido ser máis favorable, e coa súa implicación, ponse agora en marcha. Ademais, estudantes e docentes encargaranse de contabilizar os fondos para maior transparencia.