O CPI Atios convídanos a percorrer os seus 50 anos de historia a través da exposición “Sementando soños”

A mostra inaugúrase este venres ás 19:00 horas na Casa da Cultura
Valdoviño, 11 de maio do 2023. O CPI Atios inaugurará este venres ás 19:00 horas na Casa da Cultura a exposición sobre o seu 50 aniversario, baixo o título «Sementando soños». Unha mostra que nos permitirá realizar un percorrido por estas últimas cinco décadas a través de fotografías e unha morea de obxectos cedidos todos eles por antigos alumnos e alumnas e tamén aqueles que hoxe acuden ás aulas.
A expo nace a raíz das comisións creadas no centro para organizar os actos de celebración da efeméride, nas que se volcaron dende pais e nais a antigos alumnos, docentes, persoal do cole… Así, e co ánimo de recopilar información, foron promovendo encontros de estudantes agrupados por décadas. Reunións nas que foron aportando material, compartindo recordos e moitas, moitas anécdotas. Aseguran que sería imposible materialmente dar visibilidade a toda a historia vivida neses 50 anos, xa que, botando contas, terían pasado polas aulas máis de 25.000 estudantes -a razón de 500 por curso en medio século-. Por iso, e para facer selección, utilizaron como fío condutor da expo os feitos históricos que marcaron neste tempo o día a día do centro.
Trala inauguración, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 16 a 19 horas, e os sábados, de 11 a 14 h. Así mesmo, está previsto que todos e cada un dos cursos do CPI pasen pola mostra, ademais de promover visitas por promocións, de modo que a exposición se convirta nun punto de reencontro entre as diferentes xeracións do Atios.