O Concello tramita as axudas do Bono Concilia para familias con fillos/as de ata 12 anos

As persoas interesadas en solicitalas deben dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais Comunitarios

Valdoviño, 7 de xullo do 2023. As familias con fillos/as de ata 12 anos poden solicitar xa as axudas do Bono Concilia. A Xunta vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes, ata o 15 de setembro -no caso de que a partida destinada non se esgote con anterioridade-. Un trámite que debe realizarse a través da sede electrónica, polo que dende a Concellería de Servizos Sociais axudarase na tramitación ás familias interesadas. Deben acudir ao departamento municipal, sito na planta baixa da casa consistorial, onde as técnicas lles facilitarán información sobre a documentación a entregar e tramitarán as peticións. 

As axudas poden alcanzar os 500 euros, e permiten financiar servizos de conciliación durante os periodos de vacacións escolares ou fóra destes cando se den causas sobrevidas como a enfermidade do/a menor ou da persoa coidadora. Neses supostos, o Bono Concilia permite cubrir gastos de contratación temporal de persoas coidadoras ou empresas de servizos, ampliar horarios de contrato puntualmente ou mesmo recursos como campamentos ou programas de conciliación.