O Concello tramita a incorporación de terreos municipais ao programa autonómico para a construción de vivenda protexida
O alcalde, Alberto González, avanza que o Concello vén de solicitar ante a Xunta a súa adhesión ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida
Valdoviño, 9 de xullo do 2025. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzaba esta mañá que o Concello vén de tramitar a solicitude para formar parte do Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida. Na práctica, a Administración local pon a disposición do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) terreos municipais para levantar vivendas de protección oficial, en réxime de venda ou alugueiro, a prezos accesibles e dirixidas especialmente a mozos e colectivos con especiais dificultades para acceder a unha propiedade. Pola súa banda, a Xunta brindaríalle apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, as parcelas, facilitando información sobre o proceso a promotores, cooperativas e cidadanía.
Máis polo miúdo, o IGVS encargaríase da redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de modo que o Concello tan só tería que dictar a resolución de adxudicación e participar na citada mesa.
Neste contexto, Alberto González explicaba que eses terreos municipais que o Concello de Valdoviño ofertaría para a construción de vivenda protexida situaríanse na Porta do Sol, na área de influencia das edificacións de Covacano, e mostraba a súa confianza en que a Xunta acolla positivamente o ofrecemento, incorporando o Concello ao seu programa e facilitando así o acceso á vivenda dos veciños e veciñas.
