O Concello súmase á Asociación Galega de Apicultura no seu chamamento para iniciar o trampeo contra a velutina
O alcalde emite un bando municipal
Valdoviño, 13 de abril de 2022. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, vén de emitir un bando municipal sobre a importancia de levar a cabo o trampeo primaveral para combatir a proliferación de vespas velutinas. Sumándose á campaña de difusión iniciada pola Asociación Galega de Apicultura, AGA, lembra no escrito que a captura das raíñas debe facerse nesta época (ata finais de maio), coincidindo coa fase de construción e actividade do niño primario. Ou ben, de setembro a decembro, momento no que nacen as novas raíñas.
O bando incide na ameaza que supón a vespa velutina para o medio ambiente, como especie invasora, e tamén no risco que supón para as persoas. De aí, e sumándose á recomendación da Asociación Galega de Apicultura, aconsella á veciñanza que «se non queres un niño de vespas velutinas cerca da túa casa, poñas un par de trampas no teu horto ou no teu xardín».
Así mesmo, na web municipal pode consultarse o material trasladado por AGA con indicacións prácticas sobre a construción das trampas, entre outras: INDICACIÓNS AGA