O Concello súmase á Asociación Galega de Apicultura no seu chamamento para iniciar o trampeo contra a velutina
A través da web municipal, facilita información sobre a construción das trampas e o seu emprazamento
Valdoviño, 27 de marzo de 2024. O Concello de Valdoviño súmase ao chamamento da delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura -AGA- para iniciar o trampeo contra a vespa velutina e evitar así o risco que conleva ter un niño preto da casa. Lembran que só colocando un par de trampas na horta ou xardín evitarase a presenza dos niños ata nun radio de 150 metros. Un sistema que ten demostrado a súa eficacia, reducindo ata nun 75% o número de niños na zona.
É a época, xa que as velutinas comezan a saír do seu letargo invernal, e ao carecer de inimigos naturais, xeneran centenares de nais por niño. O risco derivado é moi superior ao das autóctonas, e poden reaccionar violentamente co ruido ou vibración -no caso de niños soterrados-. No ataque son máis insistentes, e polo seu gran tamaño, inxectan maior cantidade de veleno. A captura das raíñas debe efectuarse nesta época e ata finais de maio, coincidindo coa fase de construción e actividade do niño primario -ou ben de setembro a decembro -do nacemento de novas raíñas á súa hibernación-.
Na web municipal, a veciñanza pode acceder a diverso material elaborado por AGA para levar a cabo un trampeo eficaz e eficiente -dende os pasos a seguir para a construción das trampas ata a súa ubicación idónea-. Ademais, a entidade pon a disposición da cidadanía o teléfono 661 378 960 para resolver calquera tipo de consulta.