O Concello solicitará á Xunta que o Centro de Saúde atenda urxencias médicas evitando os desprazamentos a Cedeira e a Narón
O alcalde, Alberto González, trasladará a demanda á Xerencia da Área Sanitaria, máis necesaria que nunca dado o significativo incremento de poboación no municipio, que chega a triplicarse en periodos vacacionais
Alberto González, avanzou esta mañá que solicitará da Consellería de Sanidade a recuperación da atención de urxencias médicas no centro de saúde de Valdoviño, reestablecendo a súa condición como Punto de Atención Continuada (PAC). Foi un dos temas abordados entre o equipo de goberno e a dirección do centro de saúde na reunión celebrada esta semana. Así mesmo, e ata que esta opción se avalíe e poida facerse efectiva por parte da Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, reclamará desta a ampliación dos servizos asistenciais, coa incorporación dunha praza de asistencia deslizante -atención de mañá e tarde- e dunha praza de DUE. Tamén namentras non se aprobe o PAC, pedirá a redistribución dos centros PACs adscritos, tendo en conta a proximidade da parroquia de Vilaboa e unha parte de Loira a San Sadurniño no lugar de Cedeira, a maior distancia. Por último, o Concello reinvindica da consellería que se aborden as obras de mellora no inmoble comprometidas, e para as que o Concello se brindou a colaborar como nas anteriores, e que inclúen a mellora do illamento do edificio.
Máis polo miúdo, o alcalde explica que a recuperación do PAC facilitaría á poboación a atención en caso de urxencia fóra do horario de atención das instalacións sanitarias e en días festivos, así como a aquelas persoas enfermas agudas e crónicas nese mesmo espazo temporal. Unha medida fundamental para mellorar a asistencia sanitaria, evitando desplazamentos mínimos de 17 kms -distancia que separa a Valdoviño de Cedeira e de Narón- para acudir a un centro sanitario e gañando un tempo precioso e, en ocasións, clave na atención. A demanda xustifícase de por si na calidade asistencial para a veciñanza, pero tamén no notable incremento poboacional que está a experimentar nos últimos anos o municipio. Tan só en 2020, a cifra de novos veciños e veciñas empadroados elevouse en preto de 400, a menos de 100 para superar a barreira dos 7.000 empadroados/as. Cifra estable ao longo do ano que, en épocas puntuais, tal que a Semana Santa ou durante o verán, chega a triplicarse.
Respecto ás obras, contemplarían a substitución das ventás e a renovación dos muros exteriores do edificio. Melloraríase así substancialmente o illamento do inmoble e a súa eficiencia enerxética, co que se optimizarían os sistemas de calefacción.