O Concello saca a licitación o subministro de 624 sinais coa denominación de rúas, lugares e parroquias de todo o termo municipal

Permitirá renovar elementos deteriorados, dar uniformidade á sinalización e, sobre todo, actualizar a información

Valdoviño, 15 de novembro do 2022. O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a contratación o subministro de toda a sinalización das rúas, lugares e parroquias do municipio. En total, 624 placas cun deseño uniforme. No contrato, a Administración local investirá 42.916,28 euros, e o prazo para que as empresas presenten a súa oferta estará aberto ata o 23 de decembro, puidendo acceder á documentación na plataforma de contratación do sector público. 

A nova sinalización permitirá dar uniformidade á sinaléctica, renovar elementos moi deteriorados polo paso do tempo e, sobre todo, actualizar a información tras dous importantes procesos levados a cabo nos últimos anos: a aprobación da primeira numeración oficial do municipio e de novas denominacións de rúas e lugares recuperando na maioría dos casos a toponimia orixinal. Así, o contrato establece tres tipoloxías de carteis: un indicativo das rúas na zona urbana, un segundo deseño para a denominación dos lugares na zona rural e un terceiro formato, de maiores dimensións, de carácter parroquial, que contemplará un mapa da zona, así como a distribución da numeración na rede viaria e puntos de interese significativos, así como equipamentos públicos. 

Así mesmo, o contrato establece, dende a súa formalización, un plazo de entrega do material de 2 meses e un periodo de garantía de 3 anos.