O Concello saca a licitación a concesión da explotación da cafetería da praia da Frouxeira
As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 7 de outubro
Valdoviño, 14 de setembro do 2022. O Concello de Valdoviño vén de licitar a concesión da explotación da cafetería situada na Frouxeira por espazo de 3 anos. As empresas interesadas poden presentar a súa oferta ata o 7 de outubro, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público. A edificación, cunha superficie construída de 192 metros cadrados e espazos exteriores anexos para terraza, sitúase a escasos metros do areal, un dos máis concorridos do municipio.
O valor estimado do contrato é de 3.070,49 euros anuais, máis a asunción do custe dunha serie de obras de acondicionamento do inmoble, estimadas en 24.726,67 euros (+IVE).
Así mesmo, o contrato establece a apertura e atención ó público con servizo de bar-cafetería e a adaptación dos horarios de mañá, tarde e noite con acomodo á normativa autonómica establecida para cada época do ano. A concesionaria tamén deberá asumir a limpeza e mantemento integral do edificio e espazos anexos, así como do inmoble destinado a aseos públicos sitos na mesma parcela.