O Concello saca a contratación por 975.693,80 euros as obras da 3ª e última fase do Centro Sociocomunitario
A plataforma de contratación do sector público publica o anuncio e pregos, abrindo o prazo de presentación de ofertas ata o 19 de xullo
O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras da terceira e última fase do Centro Sociocomunitario por un importe de 975.693,80 euros e un prazo de execución de 11 meses. Coa publicación do anuncio e pregos na plataforma de contratación do sector público, a Administración local abre o periodo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas no contrato, que terán de prazo para formalizar o trámite ata o 19 de xullo.
A intervención permitirá dotar a Valdoviño do que será o seu primeiro Centro de Día para persoas maiores. Así, a segunda planta proxectada do inmoble albergará este uso, xunto co formativo, posto que se prevé habilitar tamén aulas de formación homologadas para a impartición de cursos. Será deste xeito un auténtico Edificio Social para a veciñanza, do que ata hoxe carecía.
A primeira e segunda fase das obras permitiron a transformación do antigo mercado municipal no actual edificio social. Fases nas que a Administración local contou co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social. As obras concluían no último trimestre de 2020, ano e medio despois de iniciarse, e na actualidade, pese a situación covid, o Concello xa desenvolvía nestas instalacións actividades como as terapias para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias, accións da programación deportiva como ioga ou programas como a escola de familia ou as reunións do proxecto Valdoviño Futuro.