O Concello saca a contratación obras en 12 camiños cun investimento de 273.704 euros

Financiaranse con cargo ó POS Complementario de Deputación

Valdoviño, 27 de decembro do 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de acondicionamento de 12 camiños e viais das parroquias de Lago, Loira, Meirás, Pantín, Valdoviño e Vilaboa cun investimento de 273.704,98 euros. Financiaranse con cargo ao POS Complementario da Deputación provincial da Coruña, e realizaranse a través de dous contratos. Dunha banda, prevese a execución dos traballos de mellora nos camiños da igrexa de Lago, Coto da Pena (Loira), As Trabes (Pantín), O Cameleiro (Valdoviño) e Basteiro e Os Romeos (Vilaboa). Neles prevese un investimento cercano aos 130.000 euros. O segundo contrato corresponde ás obras de acondicionamento de camiños en Lavacerido, Montefaro, O Amedo, Cooperativa de Meirás e Riobó, lugares todos eles da parroquia de Meirás, e A Carreira en Sequeiro, que requerirán dunha partida de 144.000 euros. As licitacións están en marcha, e as empresas que desexen presentar oferta poden facelo ata o 20 de xaneiro, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público.

Estas intervencións sumaranse ás do POS+, hoxe en día en proceso de contratación. Neste caso, actuarase nos seguintes viais: na parroquia de Valdoviño: Travesía da Ponte, Rúa Poeta Xerardo O Inglés, Tramo pendente Rúa Boeiro (ata a Travesía da Praia), Rúa Xunqueira (dende a AC566 ata a Rúa Boeiro), Rúa Atios, Tramo inicial Rúa Pintor José Leyra Domínguez, Rúa Illa Lapela, Avenida Couce Casas -entre O Pereiro e a Ladeira ata o cruce coa AC566-, Travesía do Poulo e Travesía da Carreira; na parroquia de Lago: camiños de Broño, Carreira e Soutovello; parroquia de Meirás: Taraza, Padín e Campón; parroquia de Sequeiro: vial da igrexa dende o establecemento Mamá Piana ata o templo, e parroquia de Vilarrube: vial na zona de Porto de Arriba en Porto do Cabo.