O Concello saca a contratación o servizo de limpeza de instalacións e edificios municipais

As empresas interesadas na prestación do servizo poden presentar a súa oferta ata o vindeiro 6 de outubro

Valdoviño, 23 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación, mediante concurso público, o servizo de limpeza de instalacións e edificios municipais. Como principal novidade, incorpora ao catálogo de dependencias o novo centro sociocomunitario e os aseos sitos na praia da Frouxeira. O valor estimado do contrato, por un ano, ascende a 95.000 euros, e as empresas interesadas na prestación do servizo poden presentar as súas ofertas (o prazo conclúe o 6 de outubro). Toda a documentación está á súa disposición a través da plataforma de contratos do sector público. 

Nas bases, especifícase, en todo caso, que a nova adxudicataria terá a obriga de facerse cargo do persoal que os actuais adxudicatarios adscribiron ao servizo de limpeza en cada local no concurso anterior. 

Os inmobles e instalacións incluídos son: a casa consistorial e arquivos, casa da cultura, edificio de servizos múltiples, centro sociocomunitario, o centro de saúde, o punto de atención á infancia, os aseos e vestiarios da nave municipal de Mourente, as antigas escolas e colexios rurais de Lago, Taraza, A Carreira, Vilaboa, Vilarrube, Pantín, Montefaro e Aviño, os servizos públicos das praias e a oficina de turismo.