O Concello saca a contratación as obras de reforma da fachada do centro de saúde para mellorar o illamento do inmoble

A actuación é froito dun convenio de colaboración coa Consellería de Sanidade subscrito o pasado mes de xuño entre o conselleiro e o alcalde

Valdoviño, 10 de setembro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación obras de mellora no centro de saúde. En concreto, obras de reforma da fachada; de renovación da carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica e vidros de seguridade na planta baixa, e mellora da accesibilidade. Unha intervención que, segundo avanza o alcalde, Alberto González, permitirá mellorar o illamento do inmoble e facelo máis eficiente enerxeticamente.

Os traballos serán cofinanciados por Xunta e Concello en virtude dun convenio de colaboración subscrito o pasado mes de xuño entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde. No seu conxunto, investiranse preto de 250.000 euros e estímase un prazo de execución de 77 días. As empresas que desexen optar ao contrato poden presentar as súas ofertas ata o 22 de setembro, e consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público.

Nos últimos 3 anos, Concello e Sergas colaboraron para acometer reformas interiores importantes, creando unha sala de extraccións, unha sala de educación maternal e dando máis espazo para a consulta da matrona. Ademais, no exterior acometéronse actuacións sobre a cuberta para evitar humidades e unha mellora da zona de entrada para dar solución aos problemas de accesibilidade desde a beirarrúa.

A actuación proxectada agora pretende dar resposta ao acusado deterioro dos elementos exteriores do edificio. A súa sobreexposición -por altura e desamparo- ás incidencias climáticas da zona, teñen provocado danos que fan pensar na necesidade dunha pronta e integral actuación, xa que a súa dilación no tempo acarrearía posiblemente consecuencias irreparables para o edificio. A esta situación contribúe tamén a perda de estanqueidade da cámara de aire do acristalamento, polo que se podería dicir que cumple a súa misión de impermeabilización, pero non de illamento.

Así, prevese actuar en varias frontes:

-Na cuberta do pórtico de acceso, coa retirada e desmontaxe das pranchas de fibrocemento e o seu tratamento e xestión como produto tóxico e perigoso, e a colocación dunha cubrición a base de paneis tipo sándwich e dun novo canalón exterior na fachada sur. Así, converterase nun espazo máis confortable e resgardado da choiva.

-Na fachada, con traballos de lavado con auga a presión e limpeza, colocación de viseras ou parasoles nos ocos das ventás e realización dunha fachada trasventilada a base de perfilería metálica anclada a paramentos, lana de roca e paneis modulares de tipo resina ou composite.

-Renovación das carpinterías para mellorar o rendemento enerxético.

-Obras auxiliares para mellorar a accesibilidade dende a beirarrúa e vial á explanada de entrada ou traballos polo perímetro en beirarúas, aparcamento, xardinería…