O Concello saca a contratación as obras de mellora enerxética do inmoble municipal do xulgado de paz e da Garda Civil

A intervención proxectada contempla un aforro enerxético do 73% e unha substancial rebaixa da factura eléctrica

Valdoviño, 18 de marzo de 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de mellora enerxética do edificio municipal que alberga as dependencias da Garda Civil e do xulgado de paz. Unha intervención que permitirá un aforro enerxético do 73%, así como o cambio da certificación enerxética do edificio da categoría D actual á A. Investirá na intervención 348.976,31 euros, e contará cunha subvención de 246.272 euros procedentes do Ministerio de Transición Ecolóxica e o IDAE. As empresas interesadas en executar os traballos poden presentar as súas ofertas ata o 31 de marzo, e consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público.

A intervención contempla 3 liñas de actuación. En primeiro lugar, sobre a envolvente térmica, con obras de mellora do illamento da fachada, chan interior e teitos/cuberta, así como renovación de carpinterías e vidros. En segundo lugar, actuarase nas instalacións térmicas, coa substitución do actual termo eléctrico por unha instalación por bomba de calor e dos radiadores por outros aparellos máis eficientes, ademais de renovarse o sistema de ventilación. E, por último, a actuación contempla a substitución de toda a iluminación por tecnoloxía LED.

O Concello presentaba o proxecto á convocatoria de proxectos singulares locais de enerxía limpa do “Programa de Desarrollo Urbano Sostenible” (DUS 5000), financiado polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dentro dos fondos Next Generation. A iniciativa permite dar continuidade as accións do goberno local para avanzar cara modelos máis eficientes e sostibles que permiten un aforro ás arcas municipais a través da redución das facturas de subministros.