O Concello saca a contratación as obras de mellora dos camiños de Costeira e Mourela, en Valdoviño, e de Broño, en Lago
Investirá 67.605,64 euros nas intervencións, con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas de Agader
Valdoviño, 7 de novembro do 2022. O alcalde, Alberto González, informou de que o Concello vén de sacar a contratación as obras de mellora dos camiños de Costeira e Mourela, na parroquia de Valdoviño, e de Broño, en Lago. Intervencións que, cun orzamento de 67.605,64 euros, se financiarán con cargo Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas que promove Agader.
As obras levaranse a cabo nos tres camiños, ao longo dunha superficie total de 3,9 quilómetros. En todos os casos, as vías serven a núcleos agrícolas, gandeiros e forestais, con diversas explotacións, e nun avanzado estado de deterioro.
No caso do camiño da Costeira, actuarase no tramo que une Mourente con Aviño. Uns 673 m, cun ramal de 337 metros. En Broño, a intervención levarase a cabo en dous treitos de 384 metros e 1.002 metros. E no camiño de Mourela, as obras realizaranse ata o enlace con Corval -uns 1.100 metros-.
Ademais da limpeza de cunetas, rebacheo das zonas máis deterioradas e instalación de sinalización, dotarase aos viais dunha nova capa de rodadura, formada por rego superficial e un rego de selado e area grosa ou grava fina.