O Concello saca a contratación as obras de aglomerado da Avenida de Ferrol e traballos de acondicionamento da estrada da Costeira
A Administración local investirá preto de 115.000 euros nos traballos, que financiará con cargo aos plans provinciais
Valdoviño, 8 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño procederá ao acondicionamento da Avenida de Ferrol, mediante o aglomerado do vial, no tramo entre a intersección coa estrada de baixada á praia da Frouxeira ata o cruce coa rúa Robaleira, nas inmediacións da praia pequena. A Administración local investirá 114.568,90 euros nesta intervención, na que se inclúen tamén traballos de acondicionamento da estrada da Costeira. Fondos procedentes dos plans provinciais da Deputación da Coruña.
As obras están agora en contratación, e as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 1 de outubro, e consultar toda a documentación a través da plataforma de contratación do sector público.
Os traballos na Avenida de Ferrol buscan dar solución ao avanzado de deterioro do vial, e contemplan a limpeza de marxes e cunetas, o rebacheo daqueles puntos máis deteriorados, o aglomerado do vial, a renovación das bandas rugosas limitadoras de velocidade existentes e traballos de sinalización. Pola súa banda, na estrada da Costeira, cos traballos preténdese sobre todo mellorar a drenaxe das cunetas para evitar inundacións do vial como as rexistradas o pasado inverno en xornadas de fortes precipitacións.