O Concello saca a contratación as obras de acondicionamento do camiño de Outeiro

Investirá preto de 68.000 euros con cargo ao programa de Agader

Valdoviño, 6 de setembro do 2023. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de acondicionamento do camiño de acceso ao núcleo de Outeiro, dende a estrada autonómica AC-116, na parroquia de Lago. Na intervención, a Administración local investirá 67.611,85 euros, que financiará con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024 de Agader. A licitación está aberta, e as empresas poden presentar a súa oferta ata o 14 de setembro, e consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público. 

Os traballos levaranse a cabo ao longo de algo máis dun quilómetro de vial, con intenso tráfico de vehículos agrícolas e tamén de turismos, especialmente no verán, xa que o camiño dá acceso á praia.