O Concello saca a contratación a terceira e última fase do centro sociocomunitario cun orzamento de 1,3 millóns de euros

As obras permitirán aumentar a superficie do inmoble en máis de 400 metros cadrados para dotar ao municipio do seu primeiro centro de día, aulas de formación e espazos para o movemento asociativo

Valdoviño, 13 de maio de 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras da terceira e última fase do centro sociocomunitario. Unha intervención orzamentada en 1.314.221,47 euros e un prazo de execución de 11 meses, que a Administración local financiará con fondos propios e permitirá aumentar a superficie do inmoble en máis de 400 metros cadrados para dotar ao municipio do seu primeiro centro de día, aulas de formación e espazos para o movemento asociativo, entre outros usos. As empresas interesadas na execución dos traballos xa poden presentar as súas ofertas, ata o 30 de maio, e consultar os pregos da licitación na plataforma de contratación do sector público.

A grandes rasgos, a actuación contempla levantar unha segunda pranta, construír unha pasarela de comunicación exterior entre o primeiro andar e a casa da cultura, facilitando a conexión entre ambos edificios, e executar diferentes intervencións centradas na eficiencia enerxética das instalacións e tendentes a reducir a pegada ecolóxica da edificación.

Deste xeito, o Concello concluiría un longo proceso iniciado en 2018 coa contratación da primeira fase do proxecto. Ao longo deste tempo, procedeuse á rehabilitación integral do antigo mercado municipal -desocupado por aquel entón- para transformalo no actual centro sociocomunitario. As obras das dúas primeiras fases concluían en 2020, coincidindo coa pandemia da covid-19, e unha vez se foi recuperando a normalidade o centro comezou tamén a súa actividade, acollendo diferentes accións formativas, cursos, charlas e mesmo converténdose en sede estable para unha asociación. Quedaba pendente esta terceira fase, licitada e adxudicada no seu día, pero que non se chegou a materializar pola renuncia da empresa adxudicataria. O Concello víase obrigado entón a reiniciar o proceso de contratación cun problema engadido, o aumento dos custes derivados do novo contexto económico, influenciado pola suba xeneralizada de prezos. Tras a modificación do proxecto e da realización dos trámites para ampliar o crédito solicitado e afrontar así o aumento de custes, o pleno aprobaba a semana pasada sacar de novo a contratación as obras, proceso agora en curso.