O Concello saca a concurso o contrato para a adquisición dun vehículo patrulla para a Policía
A compra faise necesaria tralo incendio intencionado no aparcadoiro municipal que deixou inoperativo o segundo vehículo
Valdoviño, 26 de setembro do 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a concurso o contrato para a adquisición dun segundo vehículo patrulla para a Policía Local. Investirá 42.000 euros na compra, que financiará con fondos propios, e as empresas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo ata o 10 de outubro, baixo as condicións técnicas marcadas nos pregos, que poden consultarse na plataforma de contratación do sector público.
O incendio intencionado rexistrado no baixo da Porta do Sol que serve de aparcadoiro para o parque móbil municipal provocou danos irreparables no segundo vehículo da Policía Local. Toda a plantilla utiliza dende entón un único vehículo para labores administrativas, de seguridade cidadá, controis e calquera outra que se lle encomende. Isto orixina un evidente desgaste agravado pola antigüidade do turismo, que provoca continuas avarías e traslados ao taller para a súa reparación. De aí a necesidade de proceder a esta adquisición.