O Concello retomará este mes os talleres gratuítos de estimulación cognitiva
Dirixidos a persoas maiores de 65, celebraranse en Meirás e Valdoviño
Valdoviño, 2 de outubro do 2024. O Concello de Valdoviño retomará este mes os talleres de estimulación cognitiva para persoas maiores de 65 anos. Farao no local social de Meirás e no Centro Sociocomunitario. A actividade, que guía o animador sociocultural Daniel Cartelle, é gratuíta, con sesións todas as semanas, os xoves, e unha duración dunha hora.
Os veciños e veciñas interesadas en participar deben reservar a súa praza antes do 10 de outubro, presencialmente na casa da cultura -de luns a venres de 10 a 14 horas- ou online, a través da sede electrónica.
Nas sesións traballarase a memoria, a percepción, a atención, a concentración, a linguaxe e as funcións executivas como a resolución de problemas, razoamento, planificación e control. Os talleres, cos que se busca un envellecemento activo, tamén se teñen configurado como un espazo de encontro e reunión entre persoas maiores de 65. Celebraranse os xoves de 9:30 a 10:30 h en Meirás, e de 11:00 a 12:00 h en Valdoviño.