O Concello retoma Concilia Tempos Verán!

A inscrición para anotarse ábrese luns no rexistro xeral ou telematicamente

O Concello de Valdoviño retomará en xullo e agosto o programa Concilia Tempos Verán!, dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Un programa de conciliación da vida laboral e o coidado dos fillos e fillas durante as vacacións escolares que ofrecerá diversas propostas de lecer didáctico todas as mañás de luns a venres de 10 a 14 horas (e con horario de entrada dende as 8,30 horas). 

Celebranse no local social de Pantín, e no caso de precisar un segundo espazo en función das inscricións, optarase polo local social de Aviño. Os campamentos rexiranse por un estrito protocolo de prevención fronte á covid-19, e incluirán roteiros, xogos, investigación, deportes, convivencia, valores, comunidade, praia… unha programación de actividades variada para desfrutar en grupo. En todo caso, cada unha delas adaptada ás franxas de idade dos nenos e nenas participantes. 

O Concello abrirá o próximo luns 7 de xuño a inscrición, e manterá o prazo ata o día 21 (incluído). Debe formalizarse presencialmente no rexistro municipal -de 9 a 14 horas- ou telematicamente a través da sede electrónica. 

Para a consulta de prezos, criterios de preferencia na concesión e máis información, a veciñanza pode dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais ou teléfono 981 48 70 41 extensión 5.