O Concello retoma as visitas escolares guiadas ao Océano Surf Museo

Os centros educativos interesados na iniciativa poden reservar a súa visita a través do correo oceanosurfmuseo@gmail.com

Valdoviño, 12 de novembro de 2021. O Océano Surf Museo de Valdoviño recibía esta mañá aos alumnos e alumnas de 1º e 2º curso de Educación Primaria do Colexio Tirso de Molina de Ferrol. Unha delegación integrada por uns 80 nenos e nenas acompañados dos seus profes que, divididos en 4 grupos, iniciaban o percorrido pola historia do surf dende as súas orixes ata a actualidade, facendo paradas especiais na nosa Comunidade e en citas como o Pantín Classic. Vídeos, paneis, táboas, pezas singulares integran a mostra, única no conxunto de España. Foi, sen dúbida, unha visita especial, a primeira en grupo realizada por un centro educativo trala pandemia. E é que o museo vai recuperando pouco a pouco a normalidade. 

A semana pasada retomaba as visitas sen cita previa e, esta, anuncia que recupera o programa de visitas guiadas gratuítas dirixidas a centros educativos, asociacións, colectivos… aqueles interesados poden solicitar a súa no correo oceanosurfmuseo@gmail.com