O Concello respalda a demanda das familias de crear unha terceira aula de 5º de Primaria no CPI Atios para cumprir coas novas ratios

A corporación municipal aprobaba onte á tarde a petición en pleno, da que dará traslado á Consellería de Educación

Valdoviño, 2 de agosto do 2024. O Concello de Valdoviño demanda da Xunta a creación dunha nova unidade de 5º de Educación Primaria no CPI Atios de cara ao vindeiro curso, tal e como solicitan as familias do alumnado. Atendendo ás súas reivindicacións, o alcalde, Alberto González, levaba onte a pleno o escrito trasladado por pais e nais. Todos os grupos votaban a favor da súa incorporación ao debate, e tras a lectura do escrito por parte do rexedor, as familias tomaban a palabra na sesión e expoñían o contido do documento, sinalando a necesidade de contar con esa terceira aula para dar cumprimento ás ratios que establece a propia Consellería de Educación.

As familias lembran que este mesmo ano, o 10 de xaneiro de 2024, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicaba unha resolución con medidas acordadas coas organizacións sindicais para mellorar o sistema educativo. Entre outras, reducir a ratio de 25 a 20 alumnos por aula, de maneira progresiva. Explicaban que neste curso recén rematado esa ratio foi de 22 e 23 alumnos nas aulas de 5º de EP,  e que de cara a setembro a cifra aumentará coas novas matriculacións previstas, elevando o número por unidade ata os 24-25. Esta situación contradí o acordo da Xunta, que no seu punto 2.1.2. sinala: “No obstante, aquellas aulas que al inicio de la aplicación progresiva de esta reducción de ratio tengan entre 20 y 25 alumnos/as, no verán incrementado su número de alumnos/as reales en toda la duración del período de aplicación respecto del número real que hubiesen tenido en el curso anterior”. “Este é o suposto no que nos atopamos -denuncian as familias- e, no caso de non habilitar unha terceira aula (5ºC), a Consellería de Educación non está respectando o citado acordo”.

As familias tamén sinalaban que no punto 2.3. di: “Si, en algún caso excepcional, no pudieran cumplirse las nuevas ratios establecidas, por inexistencia de aulas en el centro educativo, en el caso de las enseñanzas de educación infantil y primaria, se dotará al centro de un especialista de educación primaria más de los que le corresponden por catálogo”. En resposta, as familias sinalan que o CPI Atios dispón de aulas para poder dar cumprimento ás novas ratios e, polo tanto, habilitar unha terceira aula (5ºC).

Así mesmo, as familias consideran tamén que a Xunta non está a valorar axeitadamente as características dos seus fillos, xa que dos 45 nenos e nenas que cursaron este ano 4º de EP, o 25% deles teñen Necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), contando con informes psicopedagóxicos que recollen as necesidades concretas de cada un. Por tanto, este alumnado require maior supervisión que o resto, o que resulta imposible en aulas masificadas.

O alcalde sinalaba que, tras recibir o escrito das familias, tentara sen éxito concertar unha reunión cos responsables de Educación, cuestión na que insistirá. E tras a intervención das familias, a corporación procedía á votación do escrito, que apoiaron todos os grupos cunha demanda que o Concello dará agora traslado á Xunta de Galicia.

Na web municipal pode consultarse o texto íntegro presentado polas familias: ESCRITO ATIOS