O Concello reserva unha partida de 417.000 euros do POS Complementario para afrontar a alza de prezos en contratos e servizos
Así o acordou a corporación no pleno celebrado esta semana
Valdoviño, 15 de setembro do 2022. Dar cobertura ás revisións dos contratos públicos de obras, en marcha ou en previsión, afectadas pola suba dos prezos dos subministros e, tamén, afrontar o incremento de gastos correntes como a factura eléctrica, levou ó Concello de Valdoviño a reservar unha partida de 417.000 euros do POS Complementario da Deputación para cubrir estes gastos. Así o aprobou o pasado luns o pleno da corporación municipal en sesión extraordinaria.
Deste xeito, o Concello de Valdoviño tenta garantizar a execución de obras xa licitadas ou en carteira, de modo que o aumento da inflación non ameace a súa viabilidade nin repercuta negativamente nas empresas, a maior parte pymes, que traballan para a Administración local. De igual xeito, dáse resposta ó incremento do gasto derivado de servizos como o subministro enerxético, un dos máis afectados pola alza dos prezos.