O Concello require aos propietarios para que procedan á retirada de ramas de árbores ou calquer vexetación que invada a vía pública

Publica un bando lembrando a obriga de cumplir a normativa autonómica

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, vén de publicar un bando municipal no que se require aos propietarios de terreos e fincas que procedan á retirada de ramas de árbores, peches de xardín ou calquera outra vexetación que invada a vía pública para garantir a accesibilidade dos viandantes e a seguridade vial. Un chamamento ao cumprimento da normativa autonómica vixente.

No escrito, lembra que a  Xunta, a través da Lei de Montes e a Lei  de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece, entre outras circunstancias, os criterios para a xestión da biomasa nunha franxa de 50 metros desde o límite do solo urbano, de núcleo rural e vivendas illadas. Tamén, que as persoas propietarias de terreos e soares do termo municipal teñen a obriga da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes do 31 de maio de cada ano.

Neste contexto, e en caso de incumprimento, o Concello procederá a adoptar as medidas que fai referencia a normativa vixente, coas multas coercitivas e sancións que establece.

O alcalde explica que en anos anteriores os expedientes tramitados por incumplimentos superaban o centenar cada ano, cun punto de inflexión en 2020, cando a cifra se reduciu notablemente, ata os 50. Unha evolución que Alberto González atribúe á maior concienciación da poboación.