O Concello relanza ACHEGA, o programa de acompañamento e voluntariado social

Coincidindo co Día Internacional das Persoas Voluntarias, a Concellería de Servizos Sociais anima á veciñanza a sumarse á iniciativa

Valdoviño, 5 de decembro do 2025. Coincidindo co Día Internacional das Persoas Voluntarias, o Concello de Valdoviño relanza o programa ACHEGA, e anima aos veciños e veciñas a sumarse a unha rede de apoio e voluntariado social creada en 2021, aínda que con menos actividade da desexada nos últimos meses. Revertir a tendencia e fortalecer o proxecto é agora o obxectivo. Precisamente, tres das persoas voluntarias que abrían camiño hai 4 anos, Víctor, Manuel e Chus, convértense en protagonistas do mini vídeo co que o Concello abre esta nova etapa na búsqueda de adhesións.

Entre os obxectivos de ACHEGA está loitar contra a soidade no desexada das persoas maiores a través do acompañamento, e apoio en xestións e tarefas diversas do día a día nas que precisan axuda, como acudir a unha cita médica. Así mesmo, a atención á infancia constitúe outros dos piares, con accións como o acompañamento na realización de tarefas escolares. En todo caso, a Concellería de Servizos Sociais será a encargada de identificar as necesidades sociais e de vincular a familias e veciñanza coas persoas voluntarias.

As persoas interesadas en sumarse como voluntarios/as deben poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais  no 981 48 70 41 extensión 5, en  servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou presentar a solicitude por rexistro municipal (sede electrónica ou presencialmente).