O Concello regula o préstamo de axudas técnicas para persoas dependentes
Este apoio municipal busca facilitar a permanencia no fogar de veciños e veciñas conproblemas de autonomía persoal e mobilidade
Valdoviño,14 de marzo de 2023. O Concello de Valdoviño vén de aprobar inicialmente o regulamento para xestionar o préstamo de produtos de apoio a persoas dependentes ou con discapacidade. Un servizo complementario ao de axuda no fogar, que busca favorecer a permanencia deses veciños e veciñas, moitos deles maiores, no seu domicilio. Só residentes empadroados no municipio poderán beneficiarse deste apoio, que primará a quen conte cunha situación de maior vulnerabilidade dende o punto da súa autonomía, e terá en conta ademais a súa situación económica, familiar e social.
A norma, que se atopa a información pública dende hoxe, establece, entre outras cuestións, os requisitos para optar a este servizo e os procedementos de solicitude e concesión dos equipos de apoio dos que dispón o Concello. Neste momento, o catálogo de produtos técnicos municipais inclúe dúas camas articuladas con varandas de suxeición, dous colchóns viscoelásticos e dúas grúas de mobilidade de ata 150 kg. Todo recentemente adquirido. Non obstante, se contempla xa a súa ampliación.
Persoas destinatarias da axuda
Segundo o documento, que recibiu luz verde do Concello Pleno, poderán pedilos veciños e veciñas en situación de dependencia e/ou discapacidade recoñecida ou aqueles que teñan presentado a solicitude de valoración e presenten necesidades de asistencia ou coidados por parte doutras persoas. Ademais, deben estar empadroados e ter residencia efectiva en Valdoviño cunha antigüidade mínima de 6 meses. Tamén se avaliará a capacidade económica. Así, no caso de persoas que vivan soas os ingresos mensuais non poderán superar o 150 % do Salario Mínimo Interprofesional. Porcentaxe que se incrementará, de forma progresiva, en unidades de convivencia máis amplas.
Terán prioridade na concesión os usuarios e usuarios do servizo de axuda no fogar; persoas que o precisen de xeito temporal, debido a postoperatorios ou por accidentes ou similares; persoas con enfermidades crónicas que teñan recoñecido un grao de dependencia, segundo graos; persoas con prognóstico vital de gravidade e menores de idade con dependencia e/ou discapacidade que teñan afectada a súa mobilidade.
O documento, que pode consultarse na web municipal ou no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, estará a exposición pública durante 30 días hábiles e, no caso de non presentarse reclamacións nese prazo, entenderase definitivamente aprobado.