O Concello reforzará as medidas de control sobre a auga para tentar reducir consumos e combater a situación de prealerta por seca

Mantén unha xuntanza de traballo con Veolia na que acorda intensificar a campaña de detección de enganches ilegais e fugas ou a clausura temporal de determinados puntos de subministro en espazos públicos

Valdoviño, 18 de setembro do 2026. No ámbito das súas competencias, o Concello de Valdoviño reforzará as medidas de control da auga para tentar reducir o consumo e minimizar o impacto da situación de prealerta por seca. Apela tamén á implicación da veciñanza, de modo que entre Administración e cidadanía se evite ter que recurrir a medidas máis restrictivas que poidan incidir directamente no consumo doméstico. Así o avanzaba o alcalde, Alberto González, ao remate da reunión que mantiña con Tania Boo e Borja Rodríguez, xefa de servizo e encargado de Veolia respectivamente, a empresa concesionaria do servizo de abastecemento da auga no municipio.

A xuntanza tiña lugar tras o último pleno da Mancomunidade, onde se acordaba programar reunións de traballo nos respectivos concellos para asumir, de acordo coas concesionarias, todas as medidas posibles para rebaixar o consumo de auga. En Valdoviño, intensificarase a campaña de detección de enganches ilegais á rede de subministro e redoblaranse os esforzos en materia de identificación de posibles fugas. Ademais, decidiuse precintar temporalmente determinados puntos de subministro de auga en espazos públicos, especialmente naqueles nos que se constatou un uso irregular da auga. Como exemplos, citáronse a utilización de fontes para cargar depósitos de auga e incluso a conexión de mangueiras a billas de aseos públicos para subministrar auga a determinados vehículos. Estas medidas sumaranse a outras xa adoptadas durante o verán, como o peche das duchas das praias da localidade a primeiros do mes de agosto.

No encontro tamén se incidiu na importancia de continuar coas campañas de concienciación cidadá a favor dun consumo responsable da auga, proporcionando información á veciñanza especialmente a través das redes sociais. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, tamén pide a colaboración cidadá para, dende o ámbito particular, limitar o seu consumo ao estrictamente necesario e evitar o uso de auga potabilizada á hora de regar, encher piscinas ou lavar os automóbiles, entre outras medidas.