O Concello recibirá aos novos bebés empadroados na localidade coas caixas Benvida. Valdoviño medra contigo
Brais convertíase no primeiro bebé en recibir o obsequio, que inclúe elementos prácticos para as familias adquiridos no comercio local e unha guía de recursos
Valdoviño, 31 de marzo de 2022. O pequeno Brais converteuse no primeiro bebé do noso municipio en recibir a caixa Benvida. Baixo o lema Valdoviño medra contigo, o Concello obsequiará con ela a todas as familias que empadroen a partir de agora aos seus bebés na localidade. Leva o selo da firma local S&S Hecho a Mano e inclúe unha bolsa, tres muselinas coas cores do logotipo do Concello e un puzzle de madeira co nome do/a neno/a. Tamén libros prácticos para a crianza adquiridos na Librería Xeila e unha pequena guía cos recursos municipais e as liñas de axuda para familias.
No día de onte, o alcalde, Alberto González, entregaba a Lorena e Jorge a caixa, despois de rexistrar o empadroamento e tramitar o título de familia numerosa no Concello. E é que Brais é o terceiro fillo da parella, tras Teo de 8 anos e Erea de 5. Viña ao mundo de forma prematura, aos 7 meses, o 23 de febreiro e, tras a obrigada estancia no hospital, o 18 de marzo chegaba á casa. Un neno boísimo, como admite a súa nai, co que Valdoviño continúa a medrar.