O Concello recibe unha achega de 90.400 euros da Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar e a cobertura de gastos de persoal

A partida permitirá financiar 4.200 horas do servizo de axuda no fogar
Valdoviño, 9 de maio do 2023. A Deputación da Coruña colaborará ao longo deste ano cos Servizos Sociais de Valdoviño cunha achega de 90.400 euros coa que cubrirá gastos de persoal e contribuirá ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar na modalidade de libre concorrencia.
Así, este servizo captará máis da metade dos fondos, 50.400 euros. Unha partida que permitirá financiar 4.200 horas de atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria; atencións de carácter doméstico e da vivenda, e acompañamento persoal na realización doutras actividades complementarias. Actividades que se programan en función dos casos e das necesidades da persoa dependente e das familias mediante o acordo dun proxecto individualizado.
Outros 18.000 euros cubrirán gastos derivados da contratación de persoal administrativo e os 22.000 euros restantes, de persoal técnico.
As axudas sinaladas inclúense no Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2023, convocado ao abeiro do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e que no seu artigo 31 establece que as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios e o Decreto 148/2014 polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.