O Concello recepciona o novo campo de fútbol de herba artificial en Meirás
A súa construción acompañouse da mellora de viais na contorna e da creación dun novo aparcadoiro
Valdoviño, 21 de outubro de 2021. O Concello de Valdoviño vén de recepcionar as obras do novo campo de fútbol de herba artificial en Meirás. Unha intervención que foi acompañada da construción de viais na contorna, así como dun novo aparcadoiro. Deste xeito, a actuación permitirá mellorar a accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira e profundizar na protección do espazo natural, así como potenciar a práctica deportiva a través do novo equipamento.
Ata o momento, a grande afluencia de visitantes, en especial o tránsito cara as praias na época de verán, provocaba colapsos continuos de vehículos e dificultaba o acceso ao litoral que linda co campo de fútbol de Meirás. Con esta intervención, ordénase e mellórase a accesibilidade dos espazos naturais coa creación dun amplo aparcamento disuasorio e a mellora dos camiños municipais existentes na contorna, o que tamén reducirá a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte de vehículos.
O proxecto urbanístico e de construción do novo campo de fútbol contou cun orzamento cercano aos 320.000 euros, dos que a Deputación da Coruña aportou o 80% e o Concello o 20% restante.