O Concello reactiva os obradoiros de musicoterapia gratuítos para maiores de 55
Baixo o lema “Ponlle ritmo á vida”, abre inscricións no programa, que se desenvolverá a partir de finais de mes en Pantín, Sequeiro e Vilaboa
Valdoviño, 21 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño retomará a finais de mes os obradoiros de musicoterapia «Ponlle ritmo á vida» para persoas maiores de 55 anos. Celebraranse nos locais sociais de Pantín, Sequeiro e Vilaboa, con sesións semanais de hora e media pola tarde. A participación é completamente gratuíta e as persoas interesadas na actividade poden formalizar a súa inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais -planta baixa da casa consistorial, teléfono 981 48 70 41 ou correo servizos.sociais@concellodevaldovino.com-.
Esta proposta aúna música e animación teatral, e a mistura dará lugar a un espazo onde manifestar sentimentos, emocións ou simplemente, divertirse, e inconscientemente, traballar unha serie de aspectos fundamentais como a comunicación, a cooperación, a memoria, a atención, as habilidades sociais, a integración, etc.
Así, nas sesións, que guiará Afal Ferrolterra, traballarase a tres niveis:
-Cognitivo: a música estimula a memoria a curto e longo prazo e, por tanto, axuda á aprendizaxe, mellora a orientación na realidade, aumenta a capacidade de atención e concentración, e mantén ou mellora as habilidades verbais e de comunicación.
-Físico: Reforza a estimulación sensorial e mellora a coordinación do sistema neuromotriz. Así, axuda a manter a mobilidade das articulacións e aumenta a forza do músculo. Tamén promove a relaxación, reduce a axitación, e diminúe os niveis de ansiedade.
-Emocional: A expresión emocional axuda a identificar e compartir sentimentos, aumenta a interacción e comunicación social, reduce e prevén o illamento, e mellora as habilidades sociais e a autoestima.