O Concello reactiva o servizo de asesoramento para emprender novos proxectos no sector marisqueiro e da transformación
O servizo, baixo demanda, inclúese no proxecto “Valdoviño Mar-Futuro a toda costa” financiado polo GALP A Mariña-Ortegal
Valdoviño, 22 de febreiro de 2022. O Concello de Valdoviño pon de novo en marcha o servizo de asesoramento dirixido a persoas emprendedoras e empresas do sector do mar e do marisqueo, no seo do proxecto do GALP A Mariña-Ortegal denominado “Valdoviño Mar-Futuro a toda costa”.
Con este servizo, que se retoma agora e estará dispoñible ata o 15 de xuño, ofrécese información específica sobre as liñas de axudas e subvencións para o sector do marisqueo e da transformación do produto do mar a persoas emprendedoras, pemes e autónomos/as. Este asesoramento está enfocado tanto ás axudas que o GALP A Mariña-Ortegal vén de convocar para a realización de operacións baixo a súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), como as publicadas por outros organismos. O público ao que se dirixen son persoas emprendedoras e tamén empresas do sector, facendo ademais especial fincapé na diversificación da actividade pesqueira e marisqueira e na transformación do produto do mar.
As persoas e empresas interesadas no mesmo deben enviar un correo electrónico a valdomarfuturo@gmail.com ou chamar ao 881 294 127, en horario de 9 a 14 h.