O Concello reactiva a Escola de Familias de Valdoviño da man da asociación Asfedro
A inscrición está aberta, e as sesións arrancan o 19 de outubro
Valdoviño, 11 de outubro de 2023. Mellorar as habilidades educativas e a xestión da comunicación familiar e reforzar as competencias relacionadas coa educación dos fillos e fillas son os obxectivos da «Escola de Familias de Valdoviño», proxecto que un ano máis porá en marcha o Concello en colaboración coa asociación Asfedro.
A participación é gratuíta, e o prazo para que as familias (con fillos e fillas de calquera idade) se sumen está aberto no departamento municipal de Servizos Sociais, no 981 48 70 41 extensión 5 (ata o mércores 18 de outubro). As sesións arrancarán no centro sociocomunitario os días 19 e 26 de outubro e 2, 9 e 16 de novembro. Sempre, en horario de 16:45 a 18:15 horas.
A través desta iniciativa, crearase xunto ás familias un espazo de reflexión e de intercambio de experiencias no que se abordarán os seguintes temas: a comunicación familiar e os estilos educativos; normas e límites; prevención de condutas aditivas (adicións con substancias e adicións comportamentais), riscos das novas tecnoloxías e prevención do xogo patolóxico.