O Concello reabre as portas da piscina municipal

Os seus horarios serán de luns a venres de 16:00 a 20:00 h, e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 20:00 horas

Valdoviño, 30 de xuño do 2026. O Concello de Valdoviño reabrirá as portas da piscina municipal de Lago coincidindo co inicio de xullo, este mércores día 1. Nas últimas xornadas levábanse a cabo os traballos de mantemento para a súa posta a punto, tanto no vaso como nas instalacións de lecer, co que todo está listo para a súa posta en servizo. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, lembraba que as mañás estarán reservadas para os cursiños e actividades acuáticas da oferta de OcioSol 2026, co que o horario para o baño libre será de luns a venres de 16:00 a 20:00 horas, e sábados, domingos e festivos de 12:00 a 20:00 horas.

Os prezos non varían respecto a edicións anteriores, e a entrada terá un custe de 2,5 euros para persoas adultas e de 1,5 euros para menores, coa posibilidade de expedir o bono familiar, cun custe de 20 euros para 15 baños (un baño dá acceso a todas as persoas integrantes da unidade familiar -pais/nais e fillos/as-). As persoas interesadas neles deben tramitalos na oficina da piscina, e achegar o Libro de Familia.