O Concello reabre ao baño a praia pequena da Frouxeira tras dar ao vertido puntual detectado este sábado

Viaqua atopou e reparou onte á tarde unha perda na canalización xeral que foi a orixe do problema

Valdoviño, 14 de xullo do 2024. O Concello de Valdoviño informa da reapertura da praia pequena da Frouxeira, tras a reparación do punto de vertido atopado onte á tarde no río que desauga no areal. Unha vez solucionado o problema, e comprobado que non se produciron novos aportes de augas residuais, recupérase a normalidade e as augas volven ser aptas para o baño.

Apuntan dende o Concello de Valdoviño que Viaqua daba por rematados onte á noite, tras unha intensa tarde de traballo, os labores para remediar unha perda na canalización xeral atopada no leito do río, causante deste episodio puntual de vertido que, na xornada de onte, obrigaba a pechar a praia para garantir a seguridade dos bañistas do areal.

Segundo informa o alcalde, Alberto González, tras a inspección realizada polos técnicos esta mañá en toda a zona sen que se detectara ningún novo aporte de augas residuais nin localizar visualmente ningún indicio de contaminación, e recuperados os parámetros de calidade das augas, procedíase á reabrir a zona ao baño.