O Concello quere recabar a visión da veciñanza como base de Valdoviño Futuro, as liñas mestras a seguir en materia socioeconómica
Pon a disposición dos axentes sociais tres cuestionarios na web municipal para coñecer a percepción social sobre as potencialidades do municipio
O Concello de Valdoviño vén de activar o proceso de creación de «Valdoviño Futuro», as liñas mestras a seguir nos próximos anos en materia socioeconómica baixo unha marca territorial que posicione ao municipio. O primeiro paso será a elaboración dunha diagnose socioeconómica participada, na que se recaben as opinións e propostas dos axentes sociais de Valdoviño. Para iso, estase a contactar co tecido empresarial e asociacións e, en paralelo, vén de abrirse unha canle online dirixida á veciñanza. Así, na web municipal https://www.concellodevaldovino.com/o-concello/plan-de-desenvolvemento-sostible/), veciños e veciñas poderán expresar a súa visión sobre as potencialidades do municipio a través dunha serie de cuestionarios.
A través dos mesmos, recollerase información sobre a percepción social de Valdoviño, de cara a identificar os seus atributos diferenciais e potencialidades. Están dirixidos a empresas e autónomos/as de Valdoviño; residentes, e non persoas non residentes.
Así mesmo, nesta primeira fase manteranse xuntanzas co persoal político e técnico.
A diagnose xeral do territorio contemplará as debilidades a corrixir ou puntos febles de carácter interno sobre os que o Concello pode actuar; ameazas a afrontar, obstáculos, eivas externas sobre as que é máis complexo intervir, se ben se analizarán os interlocutores doutras instancias e/ou organismos; fortelezas a manter, elementos positivos que dependen da Administración local; oportunidades a explotar, factores externos sobre os que poñer o foco; sectores clave no desenvolvemento socioeconómico do municipio, valores identitarios…
.