O Concello propón este venres unha nova ruta guiada ao Banco Marisqueiro de Vilarrube
As persoas interesadas en tomar parte poden reservar a súa praza na Oficina Municipal de Turismo ou chamando ao 981 48 76 73
Valdoviño, 26 de xullo de 2022. O Concello de Valdoviño organiza este venres unha nova ruta guiada pola costa. Nesta ocasión, ao Banco Marisqueiro de Vilarrube. Partirá ás 10 horas das inmediacións de Casa Caneiro e, ao longo dun itinerario de 4 kms, permitirá ás persoas participantes achegarse á historia, evolución e dinámica das mariscadoras locais. O seu día a día, as técnicas de extracción, as variedades de produto e a xestión de conservación abordaranse nun marco único como é o areal de Vilarrube. A desembocadura e estuario dos ríos Mesta e Ferrerías conforman unha estrutura xeomorfolóxica única con gran valor paisaxístico, pero ademais alberga unha das zonas de marisqueo habituais das traballadoras do mar, as mariscadoras de Vilarrube.
As prazas son limitadas e a participación é gratuíta con inscrición previa na Oficina Municipal de Turismo ou chamando ao 981 48 76 73.
O programa, organizado polo Concello no marco do proxecto «Valdoviño Mar» co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, está guiado pola empresa Singular Traveler.