O Concello promoverá en xullo e agosto unha nova edición de Concilia Tempos Verán

As familias poderán solicitar praza a partir do próximo luns 1 de xuño

Valdoviño, 28 de maio do 2026. O Concello de Valdoviño promoverá un ano máis os campamentos municipais “Concilia Tempos Verán”. Trátase dun recurso co que botar unha man ás familias traballadoras con fillos e fillas menores durante as próximas vacacións escolares. Unha iniciativa que a Administración local activa en periodos non lectivos como o Nadal e a Semana Santa. Así, a concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, avanzaba esta mañá que o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 1 de xuño, ata o día 12 do mesmo mes. Así, a documentación pode descargarse da web municipal e presentarse no rexistro xeral da casa consistorial ou a través da sede electrónica.

“Concilia Tempos Verán” está dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 13 anos -dende 3 anos se están cursando 4º de Educación Infantil-. Como é habitual nos últimos anos, os campamentos celebraranse en xullo e en agosto de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas no local social de Pantín, con pista deportiva anexa e unha proximidade ao areal que permite explotar ao máximo o lecer ao aire libre.

A cota de participación é de 55 euros por mes e neno/a (no caso de irmáns/ás aplicarase un desconto do 20%). Na concesión de prazas, limitadas, terán prioridade as persoas empadroadas en Valdoviño, que estean en activo laboralmente e/ou que teñan circunstancias de especial consideración.

Ademais, para obter máis información sobre os criterios de preferencia na concesión ou calquer outro dato, a veciñanza pode dirixirse ao departamento municipal de Servizos Sociais ou teléfono 981 48 70 41 ext. 5.