O Concello promove unha acción formativa en materia de igualdade dirixida ao monitorado que traballa coa infancia
Celebrarase o venres 2 de decembro, con participación gratuíta e inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais
Valdoviño, 25 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño celebrará unha acción formativa dirixida ao monitorado que traballa coa infancia no ámbito municipal co obxectivo de mellorar a capacitación profesional e adquirir ferramentas para traballar cos nenos e nenas desde a igualdade de oportunidades e a prevención de violencia.
Incluída no programa municipal «Somos e Contamos», a formación é gratuíta, e terá lugar o venres 2 de decembro, entre as 16:30 e as 20:30, no centro sociocomunitario. Así, as persoas interesadas en tomar parte deben inscribirse previamente no departamento municipal de Servizos Sociais -981 48 70 41 extensión 5-.
Entre os contidos do curso, abordarase a socialización diferenciada, división sexual do traballo, estereotipos de xénero, recursos básicos para a educación en igualdade de xénero, educación emocional e ética dos coidados, modelos relacionais, diversidade sexual e de xénero, novas masculinidades, pornografía e sexualidade na adolescencia.
Así mesmo, as persoas que completen a formación recibirán un certificado cos contidos e duración da formación.
Este proxecto, que desenvolve Aventeira, está subvencionado nun 80% pola Deputación da Coruña, cun importe de 14.140,84 euros, a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2022.